Sábado, 26 de Maio de 2012

Contaminación

Nos últimos anos foron aparecendo varias editoras pequenas en concepción mais enormes en intención, con propostas ben novidosas e interesantes para o debate cultural galego. Unha delas é Axóuxere. O día 12 de abril acudín á presentación do último libro que viñan de publicar: Ensaios Radioativos, de Márcio-André, na galería compostelá A.dFuga. Roberto Abuín, un dos editores, xa me advertiu de que non me fiase da pinta de santiño que tiña o autor:


Non sei que vos parece a vós. Roberto explicoume que cando lle daba por facer performances rompía todos os esquemas; é dicir, que entendín, co meu pouco entendemento, que máis ca un performer é un transformer. Se queredes saber máis sobre os seus proxectos, podedes ver a súa páxina.
E xa vos deixo coa columna que fixen para o suplemento (de abril) do ABC, onde relato, incompletamente (como en calquera relato), a noite que fun á presentación do libro de Márcio-André.


Aínda non sendo moi amigo das presentacións de libros (ás que imos como quen vai aos funerais: para que despois nos veñan a nós), as da editora Axóuxere sempre reclaman a miña atención. Ademais os actos sociais son boa escusa para saír da casa, dar un paseo e descansar a mente. Desta vez o evento era na galería compostelá A.dFuga e o autor era Márcio-André (Rio de Janeiro, 1978); a obra titúlase Ensaios Radioativos e disque causaran moito balbordo no Brasil e foran atacados e defendidos nalgúns xornais de alá. (Para seguir lendo picar aquí.)

Terça-feira, 1 de Maio de 2012

Casares en tres

Xa van alá dez anos da morte de Carlos Casares. Foi un dos escritores galegos que máis popularidade tivo en vida, grazas á súa columna xornalística "Á marxe" (e non polos libros, claro, a pesar de ser un dos poucos novelistas serios que deu este maldito recuncho). Pareceume que ben merecía a miña humilde lembranza, aínda que namais fose polo ben que se portara co colectivo Sacou. 
Aquí deixo o que me publicaron no suplemento do ABC en marzo, varios días despois do décimo cabodano. Distribuín a columna en tres parágrafos, como facía el; daí vén o título (tamén parodiado doutro dunha novela súa):

O nove de marzo de 2002 cadrou en sábado. Pola noite, mentres quentaba nunhas potas a auga que ía servir para bañarme, anotei no diario como soubera da morte de Carlos Casares. Fora pola mañá, de camiño á feira do viño de Chantada. Tiña por diante unha fin de semana prometedora, aqueles días da xuventude e da liberdade, que iamos pasar na casa aldeá que a familia de Sonia ten en Pesqueiras, nas fértiles ribeiras do Miño. Cando Nieves e Mila nos deron a noticia lembrei aquelas xornadas do colectivo Sacou, no 2000, cando convidamos a Casares e Bieito Iglesias para falaren en Noia da súa obra. (Para seguir lendo picar aquí.)


Carlos Casares foi un dos ponentes nas I xornadas do colectivo Sacou

Sexta-feira, 13 de Abril de 2012

7 haikus galegos

Noutra entrada anterior penduraba un texto onde había algunha alusión ao Facebook. Hai un par de noites, mentres vagaba pola rede, quixo a providencia que me "atopase" nesta rede social con dúas ex-alumnas. Estivemos lembrando os bos momentos pasados nas aulas, como aquela semana na que aprendemos a escribir haikus. 
Déralles algunhas nocións sobre este tipo de composición poética, convencido de que a escribir poesía apréndese, mais non se ensina. Aínda así, obtivemos un bo resultado no 1º Concurso de Haikus do Val Miñor: un poema de Alicia e outro de Belén (igual que o de Basilio) foron recoñecidos con cadansúa mención honorífica. Que felicidade!
Cando Belén deixou a conversa, vencida polo sono, Alicia e mais eu decidimos escribir entre os dous un haiku, como nos vellos tempos. Noite de abril, chuvia, a lúa chea aínda recente. Escribín o primeiro verso, ela continuou con outro e pechei eu co terceiro. Gustounos o resultado. Escribimos un máis; agora comezaba e remataba ela. E así até que pedín papas para poder ir durmir. Creo que soñei con isto:


En total fixemos sete. Aquí os tedes:


Na noite de abril
pingas de auga. 
Levan o sono. 

Noites de lúa chea, 
bágoas de luz
nas cereixeiras.

Noites na barca,
a luz brilla na casa. 
Arde o corazón.

Perla nocturna,
resplandece baixo o mar
a luz da lúa.

Clara luz lunar
brotando no meu peito.
Lirios florecen.

Valse da lúa.
A cereixeira danza
despois do solpor.

Reflexo no mar,
a flor de loto aberta
na noite calma.

Alicia Grandío Arbiol & Ramón Blanco, na madrugada do 12 de abril do 2012.


Aínda podería engadir eu un máis, como resumo do noso proceso creativo común:


Noite de chuvia,
sete haikus galegos,
lúa minguante.

Prometinlle a Alicia que escribiría esta entrada, e por iso quero dedicarlla. 

Quarta-feira, 11 de Abril de 2012

Non sei


Andaba eu a matinar sobre o bicentenario de Charles Dickens (1812-1870) e mais Francisco Añón (1812-1878) ao tempo que revisaba vellas lecturas das súas obras, anovadas nestes tempos difíciles, nos que mesmo ler a Marx xa non parece moda doutra época, cando entraba febreiro coa noticia da fin do canto de W. Szymborska. Deixei en suspense os varóns decimonónicos e cacheei nos andeis polo volume dos Versos escollidos que publicou Positivas hai pouco. A antoloxía, en edición bilingüe da man de Lucía Caeiro, mesmo engade un par de pequenos collages cos que a autora polaca agasallou esta edición en galego. Podo mencionar polo menos tres librarías onde lembro ter lido ao chou versos do seu derradeiro poemario (Aquí, 2009) mentres buscaba algún outro título na sección de poesía: "Eu, adolescente?/ Se de súpeto, aquí, agora, se presentase ante min,/ tería que saudala como a unha persoa próxima,/ a pesar de que é para min estraña e remota?".
Dez días despois da morte de Szymborska fun a Vilalba, xantar cuns amigos. Cando regresei xa andara a noite varias horas. Conducía mentres escoitaba a radio: un programa esotérico daba conta da romaría de San Campio (en San Ourente, Outes) e do ritual para expulsar o "mal cativo", é dicir, botar o demo fóra do corpo. De súpeto, no cambio horario, o parte de noticias comeza co falecemento de Whitney Houston, a muller que un día dixo: "O demo está en min. Son a miña mellor amiga ou a miña mellor inimiga". 
Nos días sucesivos terei ocasión de corroborar como os titulares que a crucificaron nos últimos anos aboian agora no interior de pompas fúnebres buscando o ceo. Mais daquela, fechado no coche, envolto na escuridade, só pensaba naquela remota tarde de domingo (debeu ser no Nadal de 1994) na que fun a Noia ver El guardaespaldas no cine Felipe de Castro, onde agora hai un supermercado. As escenas do filme confúndense coas trasnadas que faciamos dentro da sala, pero os recordos máis nítidos son os daquel adolescente subindo cos seus amigos a un Castromil ateigado de xente que tamén ía ao cinema, e a neve que os recibiu ao saír da sesión. 
Agora collo o libro de Szymborska e volvo ler: "Prefiro o cine./ Prefiro os gatos./ Prefiro os carballos na beira do Warta./ Prefiro Dickens a Dostoievski./ Prefiro que me guste a xente/ que amar a humanidade".
(Publicado no Artes & Letras Galicia, do diario ABC, o 25 de febreiro do 2012.)

Segunda-feira, 9 de Abril de 2012

Resurrección

Esta colaboración foi escrita hai tres anos, en Semana Santa, aos poucos meses de comezar a miña actividade no suplemento do ABC. Daquela aínda non me publicaban as "Flores de papel" na rede, así que fago constar que, co título de "Resurrección", apareceu no nº 4 de Artes & Letras Galicia, en abril de 2009.

Nunha entrevista recente, o historiador inglés Robin Lane Fox, especialista no mundo clásico, sostiña que se Homero coñecese a nosa época sentiría lástima polos poetas actuais (“son tan malos…”) e nunca se metería en Facebook. Aos poucos días, servo dalgún designio tráxico que non chego a entender (eu, pobre mortal) decidín que chegara a hora de crear aí o meu perfil, inda que só fose por acalar o coro de fanáticos que me convidaban a facelo en múltiples correos electrónicos. Deste xeito vin engrosar a nómina (máis ben pseudoanónima ca pseudónima, pois requírense datos reais para seren efectivos) dos moitos millóns de usuarios dunha das máis coñecidas redes sociais de internautas. As diversas defensas domésticas que teño escoitado sobre o invento inciden no feito de que posibilita resucitar o contacto coas vellas amizades, as previas á popularización da telefonía móbil e de internet (e aquelas que é mellor manter mortas?). No meu caso, non puiden resucitar á única persoa coa que perdín o contacto involuntariamente.
Cando quero estar cos amigos, en vez de pasar as páxinas virtuais do “libro de caras”, encárome con eles, como fixen na Semana Santa, tempo propicio para a resurrección da carne, da amizade e, como verán, da poesía. Na santa compaña de tres amigos vellos pasei unha tarde inmortal na vila de Rianxo. Un dos momentos máis emotivos foi a visita ao cemiterio de Tanxil, onde están enterrados Rafael Dieste e Manuel Antonio. Ningunha proba mellor de que a escritura se fai contra a morte ca aquela que nos ofrecen as lápidas, tan mudas mais tan elocuentes. Tamén nós permaneciamos calados e absortos, cal adictos cibernautas, pensando nas faces e nos libros dos poetas mortos, de todos os malditos poetas mortos. Despois da catarse dirixímonos á praia, onde, caendo a tarde, lemos poemas en voz alta (a voz que non teñen os mortos), coma quen lles fai unha ofrenda ás deidades marítimas, antes do periplo. 
De noite, retirado xa na deserta paz do lar, “con pocos, pero doctos libros juntos”, lin a face de Dieste baixo a luz do Rojo farol amante: “Quien muere y resucita / se embarca en el milagro”, pasei as páxinas da voz de Manuel Antonio De catro a catro: “Encadearemos adeuses de escuma / pra tódalas praias perdidas”, solemnemente, como se así puidese resucitar a amizade, a praia de Tanxil, o mundo clásico, e os malditos poetas mortos. 

Encarando a tumba de Manuel-Antonio

Como fin de Coresma, pareceume oportuno rescatar esta columna, quizais a primeira dunha serie de vellos textos que vaian aparecendo por aquí. Os amigos dos que falo son: Manuel L. Rodrigues (autor da fotografía), Manolo do Río e Roberto Abuín, dos cales xa falaba na entrada inicial deste blogue
Por certo, aquela persoa que buscaba resucitou. Só por iso pagou a pena perder horas e horas no Facebook, aínda en detrimento das horas ocupadas coa poesía. Espero non tardar moito en verlle outra vez a cara.

Quinta-feira, 5 de Abril de 2012

Cando baixei co can ao río

Este é Horus.


Naceu no 2009 e tróuxoo meu irmán, Nolo, para a casa. Agora é da familia. Igual ca Tita & Tito (de quen xa vos falei). Ademais é un compañeiro excelente para dar paseos e facer algo de exercicio polos montes de Cando. A única queixa que del podo dar é pola manía que ten de poñerse bravo cando nos atopamos con outros cans, porque é moi sitote, e xa ten levado algún escarmento por iso. 
Unha noite do Nadal pasado baixamos ao río. Camiñamos a carón da xunqueira, preto da casa, que é a ruta que facemos cando non dispoñemos de moito tempo. Naquela escuridade fun tecendo na mente algúns versos, enredados na canción "River of tears", de Eric Clapton. De volta na casa, o can foi para o seu apousentamento e eu para o estudio, onde puiden desfacerme dos versos que me tiñan preso. Foi así como escribín un poema para Horus. Publicáronmo no último número da revista Casa da Gramática. Igual queredes lelo...

CANDO BAIXEI CO CAN AO RÍO

Entrou decembro
era noite
hoxe cando baixei co can ao río
el vai sempre diante
a correr
só nos amarra unha corda de pensamentos
chovera toda a tarde e a terra estaba húmida
conforme descendiamos a costa deixando atrás os farois da estrada
a escuridade ía envolvéndonos
el afastábase e a negrura limitábame a vista 
cando eu paraba e deixaba de sentir as areas do camiño
remoídas polas botas
oíao escarvar na terra empozada levantando pedriñas que volvían caer
uñas contra pedras e pedras contra auga
como se estivese a desenterrar o segredo da súa especie
non se escoitaba correr o río
paxaros non se oían 
mirei a árbore na que acostumo velos pousados
as súas pólas esfolladas non foran tragadas pola noite
semellaban os dedos dunha man diante dos ollos querendo protexelos da claridade
porque a través delas brillaban as luces da outra banda
o seu fulgor percutiría aínda no río cando nós xa non estivésemos
comezou a caer unha chuvia moi fina que foi indo a máis
chamei polo can e veu
saltoume contra as pernas e estampou a súa marca de auga e terra 
a proba de que tamén pasamos por aquí
iniciamos o camiño de regreso
chegando á estrada volve a luz 
pouco a pouco 
a cada paso
agora o can vai canda min 
máis amodo ca antes
como querendo retrasar a chegada á casa
o seu cativerio
reviro a cabeza cara ao lugar escuro do que vimos 
onde debe estar o río dormente
a árbore espida sen paxaros que fai de man acenando un adeus
agora invisíbel
camiñar acolá era difícil e perigoso
mentres un non se afacía a ver ás escuras
mais tivemos que aprender a andar na noite 
a entrar na escuridade
igual que fomos aprendendo a entrar na vida.


As fotografías quitoullas meu irmán na praia de Broña en marzo de 2010. Daquela tería Horus un ano. Tamén el prefire ensinar as fotos de cando era máis novo.

Quinta-feira, 22 de Março de 2012

A taberna e a balea

En xaneiro, por motivos laborais, botei algo máis de quince días en Malpica. A soidade propiciou paseos e lecturas indelebles. Tamén algún descubrimento, deses que xa nos acompañan para sempre, se non mente o adverbio. 
Pola noite baixaba á taberna e un mar moi confuso viña visitarme.


E pensei que desta confusión podería saír algo así: 

Non daba collido o sono, supuxen que o cuarto estaba demasiado próximo á caldeira da calefacción, de onde viría o balbordo. Mais ao erguerme, cando abriu o día, vin o mar desde a fiestra. Era el quen ouveara toda a noite. Pola tarde, ao camiñar seguindo a ribeira, arrolado polo rouco son do océano, catei os seus efluvios de faenas e naufraxios -tanto traballo para nada- e instaleime no centro dese funguido que xa me acompaña desde hai días. Afíxenme a el e xa podo durmir. (Para seguir lendo picar aquí.)

Esta é a vista que tiña desde o cuarto. 
Ao fondo vese o mar; á esquerda o cabo de San Hadrián.

Agora que xa non ando por Malpica, non me dá vergonza confesar que non dei atopado nos cons da beiramar as pegadas das sandalias do santo, nin a silueta da serpe esmagada

O que si abichei foi a balea que quería cazar o capitán Lugrís:


Polas tardes, despois de percorrer estas ribeiras, duchábame, tomaba un café e ía ler á biblioteca municipal. Cando baixaba á taberna sempre era de noite e tamén vagaba por este peirao, máis ou menos, moitos anos despois:

Esta fotografía está pendurada na páxina do Concello de Malpica de Bergantiños

Cando baixaba á taberna sempre era de noite. Por iso non puiden ver as pegadas que deixara nas pedras toda esta xente.

Terça-feira, 31 de Janeiro de 2012

Perfume gótico

Neste primeiro mes do ano, coma sempre, cumprín insatisfactoriamente o programa elaborado coas lecturas pendentes. Mais como contrapartida debo dicir que lin suficiente, en total uns nove libros, e non todos delgados; as horas de vagar foron moitas, pois xa rematei de escribir a noveliña (máis ben labirinto) en verso na que me perdera desde había tempo. 
Para saudar a inminente chegada do 2012 mandara á redacción do ABC este texto, que comezaba cos bos propósitos de lectura que algúns facemos cada ano: 


Nestas datas tan propicias para facer balances e inventarios, supoño que tamén vostedes elaboran listaxes, mentais ou escritas, dos libros que van ler no vindeiro ano. O meu método, froito particular da desorde, consiste en arrombar unha morea de volumes. Á maioría destes inocentes non lles chega o indulto de cada Nadal, e afogan no po, esmagados polas novas lecturas que o azar envíe, como pasou xa hogano coa nova edición en Galaxia da poesía que entre 1933 e 1981 publicou Álvaro Cunqueiro (quen, por certo, ao comezar o ano, anotaba nun caderno autores e títulos que lle apetecía ler; evidentemente, o programa quedaba incumprido por causa do azar)(Para seguir lendo picar aquí.)


Deste xeito remataba coa tetraloxía dedicada a Cunqueiro, no centenario do seu nacemento, que iniciara en Burela a principios de 2011. 

No Museo Virtual de Burela podedes ver as pinturas da Vila do Medio.

Sábado, 31 de Dezembro de 2011

Once veces once

O día do meu aniversario (32, malia que levaba meses pensando, e dicindo a quen mo preguntase, que xa os tiña feitos, cousa que veu desmentir miña nai uns días antes do evento) cadrou cun dos recitais máis divertidos que lembro, polo menos nos que teño participado. 
Para min é un misterio como o público pode aguantar, con poucas baixas e desercións, cerca de tres horas escoitando poesía nun bar, sen máis música ca a que acompaña o recital, sen tentar sequera atacarnos co que teña a man: non nos arrebolaron ningunha botella nin vasos nin unha mísera pedra de xeo.

A verdade é que o lugar ben se prestaba. Mirade:

Abel Pan cedeunos o local e convidounos a cear na Tasca Típica 
(a foto fíxena co móbil antes da cea). Mónica Montero encargouse 
da decoración e Chuco atendeu o son. 

Maxi Olariaga, que non ten a miña preguiza á hora de escribir, publicou dous artigos; tamén é boa verdade que el colabora na prensa dúas veces por semana. Aquí tedes unha das súas columnas, previa ao recital. E aquí está a outra.

Esta é a noticia que redactou M. X. Blanco, coas fotografías de Marcos Creo.
Por certo, na foto de grupo falta Óscar.

Se queredes ver máis fotos chulas, aquí vos deixo este blogue. Tamén teño unha morea de retratos feitos por Araceli, mais por hoxe chega, non?

O que me sacaron a min no suplemento do ABC empeza así:

O día once de novembro pareceunos boa data para facer un recital poético-musical en Noia, no Resto Pub Trócolo. Propúxonolo o músico Pablo Sax, e alá fomos, conscientes de que a poesía e a música son xeitos de resistencia contra quen queren facernos esquecer que temos unha vida espiritual, ou como queiramos chamarlle.
Foi un privilexio encontrármonos outra vez na Tasca Típica, que lle fixo de escritorio a Avilés de Taramancos. Compartimos cea, versos e ilusión antes do acto. Tal como fixeramos tantas veces os do colectivo Sacou, pois entre aquelas mesas aínda deben estar os ecos da nosa xuventude, onde un día quixemos fundar a nova literatura e fundamos a amizade. (Para seguir lendo picar aquí.)
O letreiro foi elaborado por Olga Iglesias

Para min que o acto saíu moi ben. Aguantaron tres horas de pé, beberon algo, foron felices e saíronlles varices. Tardei en contárvolo, e non quixen deixar pasar o ano sen facelo.

P.S.: Tal como prometera, aquí vos enlazo os vídeos que realizou David Pérez Iglesias. 

Sábado, 26 de Novembro de 2011

Monte Pindo

Igual non tarde moito en converterse nun ritual que o algo escangallado colectivo Sacou queira castigar o corpo subindo o doce de outubro ao cume do Monte Pindo. Por agora quedamos apalabrados para repetir o vindeiro ano, pois a última (e primeira) vez xa fora no 2004. Imos empezar a subida. A deste 2011 foi algo así:

Que non leve a engano a alegría dos seus semblantes; 
estabamos en pleno intre de descanso, a metade de camiño; cansazo e suor.

Aquí deixo a crónica, máis ou menos sentimental, dos tres ascensos ao mítico monte onde todo é moito máis grande ca nós.


Subín o monte Pindo por primeira vez cando tiña catorce ou quince anos. A excursión fora organizada no instituto e por iso era considerablemente nutrido o grupo de montañeiros afeccionados. Aínda teño na memoria episodios daquel día; é como se o pó erguido da terra pisada se me pegase arredor dos tocelos mentres escribo, conmovido pola fermosura xuvenil que bañaba delicadamente os rostros das compañeiras de promoción (hoxe sei que non estaba namorado de ningunha). Descansamos nun dos chans, facendo paréntese entre a escarpada sucesión de rochas, e vimos bestas bravas a pacer os rebentos máis tenros dos toxos. Debía ser primavera, pois pola tarde, cando xa baixaramos, bañámonos na praia esmeralda e vidrosa de San Pedro, enxugamos o tempo naquela area tan branca. Volvín ver esa escena no final de «Bandeiras dos nosos pais», de Clint Eastwood. (Para seguir lendo picar aquí.)

Non se ve moi ben, pero acolá embaixo está a area branquísima da praia de San Pedro.

Cando subiramos no 2004 fixemos unha chea de fotos; algunhas xa teñen viaxado abondo pola rede, ao meu pesar. Lembro unha na que no alto da Moa emulabamos parodicamente a famosa imaxe bélica "Alzando a bandeira en Iwo Jima", tomada por Joe Rosenthal en 1945 no monte Suribachi. Cando escribín a columna para o ABC non reparara na coincidencia de aludir ao filme de Clint Eastwood. Tampouco en que unha xaponesa se sumara á nova expedición. Debeu ser o espírito da montaña, pechado nas bagas dun acevo, que quixo facer burla miña.