"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

xoves, 28 de febreiro de 2013

Medalla de ouro

Esta tarde deixáronme no parabrisas do coche un deses letreiriños que nos animan a desprendernos do ouro, que nos prometen que pagan máis ca ninguén. Un deses letreiriños que me deron a idea da primeira flor de papel que lle dedicaba ao vil metal: "Compro ouro", á que seguiría "Merda de ouro". Como sabía ben que non cumprira a miña promesa de actualizar o blogue máis a miúdo, decidín, para disimular, volver escribir aquí in extremis antes de rematar febreiro (como fixen o mes pasado). Aínda lle ando a dar voltas a unha hipotética cuarta columna sobre o tema, pois quedaron moitas ideas na gabeta, mais xa se verá. Por se non abondase, pasei dúas veces por diante dunha desas tendas máxicas que nos converten o ouro da familia en fráxiles billetes crocantes; e, xa na casa, cando comezo a teclear estas liñas, soa na radio a ópera Das Rheingold (O ouro do Rin), de Richard Wagner, o cal deixa de ser unha casualidade para converterse en puro determinismo. 
Por iso quero contarvos unha historia de cando España era centro mundial, alá polo ano 92, grazas a unhas logradas capas de maquillaxe perfecta que disimulaban o remorso poscolonial e mais a corrupción. Daquela as iconas infantís de moda eran Curro (palabra que, como ben sabedes, no español coloquial significa "traballo", o cal semella unha macabra premonición; e logo non lembrades tamén aquela famosa campaña publicitaria "Curro se val al Caribe"?, pois disque hai grandes fortunas evadidas flotando naqueles mares, todo un acto de xustiza poética na ida e volta de capitais) e Cobi, a quen lles viría facer compaña o Pelegrín. Unha das miñas maiores preocupacións era xogar ao futbolín e obter refrescos das máquinas expendedoras co menor gasto económico posíbel. Xa daquela sentía a chamada do ouro. O seu berro viña de moi lonxe, como se estivese atrapado nos grosos muros desta torre:

Torre do Ouro, Sevilla. Foto: María Infante, 2010. 

E esta é a historia, que remata na mesma torre, tal como a publiquei hai pouco:

A inicios dos noventa, cando estaba no sétimo círculo infernal da escola primaria, fun por vez primeira a Sevilla, a cidade á que noutrora, segundo lin, chegou tanto ouro americano que as rúas poderían estar empedradas con el. Coincidindo co fastoso "V Centenario", España era centro da atención mundial, e non pola pésima situación económica nin pola corrupción, senón por mor da Expo´92 e mais dos Xogos Olímpicos de Barcelona. Na illa da Cartuja, durante a exposición universal, roubáronme todo o material informativo que fora acumulando nunha bolsa durante a visita aos distintos pavillóns. Só puiden salvar os folletos que collín no da ONCE sobre o alfabeto braille e mais a lingua de signos. Por veces consolábame imaxinando a decepción que levaría o delincuente ao comprobar que o único que furtara era unha morea de papeis; iso si, para min, cun gran valor.
Pola noite recei, apertando no puño unha medalla de ouro da Virxe do Carme, pedindo o castigo do malfeitor. Atopáraa sendo moi neno nun camiño e para evitar que ma quitasen os compañeiros da pasantía tiven que loitar como un atleta e acabei malferido. Aquel anaquiño de ouro valía máis que o propio metal; nel concentrábase o meu sufrimento e toda a miña fe. 
O mesmo acontece coas medallas de ouro olímpicas, cuxo valor tampouco reside na súa composición: pesan catrocentos doce gramos, dos cales só uns seis son de ouro, e o resto compóñeno un 93% de prata e un 6% de cobre, o cal equivale a pouco máis de cincocentos euros. As dos pasados Xogos de Londres foron fabricadas con metal extraído das minas Kennecott Utah Copper de Rio Tinto (Salt Lake City) e Oyu Tolgoi (Mongolia), igual que podía extraelo, digo eu, a Edgewater Exploration Ltd. nas minas de Corcoesto (Cabana de Bergantiños). No reverso figura a deusa grega da vitoria, Niké. Ata o comezo dos Xogos foron custodiadas, como antano se facía cos delincuentes, na Torre de Londres. Tamén foi usada como prisión a Torre do Ouro, en Sevilla, que ben podería ser rehabilitada para este uso, a fin de acoller ilustres ladróns, que arelan o ouro mais non a dureza da mina, dos que a Xustiza (cega e xorda) parece pasar olimpicamente.
Publicado na sección Artes & Letras Galicia
no diario ABC do 26 de xaneiro de 2013


Pasaron os anos e aínda non cambiei tanto:
o ouro chama por min mais nunca o atopo.